Inicio    Servizos    Coñecer Vilalba   Novas    Axenda    Documentos    Contratación   
 
Inicio > Coñecer Vilalba > Rutas de Sendeirismo >

Camiño Norte de Santiago

Ruta do Camiño Norte de Santiago, tramo de Vilalba

Recibe ó peregrino que se introduce no noso concello procedente de Mondoñedo cara á ponte vella de Martiñán, de orixe medieval, que permite cruzar o río Batán. Un elemento diferenciador desta ponte é a súa calzada, limitada por un peitoril de pedra de granito a xeito de chantas encaixadas na plataforma da ponte, facendo desta unha obra singular que é raro atopar noutros lugares de Galicia. Ó remate do camiño norte en Vilalba sitúase a ponte de Saa, antes de entrar en terras de Begonte. Neste traxecto pódense contemplar obras de singulares características.

Tras a primeira das pontes citadas, a igrexa de Goiriz é o seguinte punto de interese. Gozou do privilexio de ser refuxio dos infractores da xustiza, que non podían ser detidos polas autoridades no seu interior, a pesar de que despois fosen obxecto de xuízo e condena. Esta igrexa foi iniciada no século XVI e reformada no XVIII, e no seu interior ten un magnífico retablo de factura barroca. Ó pé dela sitúase o cemiterio neogótico construído polos canteiros da veciña parroquia de Román.

Seguindo cara á capitalidade municipal, xusto no desvío que leva ó polígono industrial, sitúase o recentemente edificado albergue de peregrinos, onde o viaxeiro atopará o merecido descanso despois do fatigoso camiño.

No casco histórico da vila, a rúa de Porta da Cima (denominada así en alusión a unha das portas da muralla que cercaba a vila nos tempos en que esta se situaba baixo o señorío dos Montenegro e dos Andrade) abre a visita á zona máis emblemática e castiza da vila. A baixada pola rúa do Sol permitiranos contemplar antigas casas con fachadas tipicamente vilegas, como a do antigo casino, na actualidade reconvertido en mesón.

Pecha o camiñar dos viaxeiros na capitalidade municipal o achegamento ó antigo Pazo dos Condes. Antes de comezar a baixada camiño de Baamonde e cara á anteriormente mencionada Ponte de Saa, cumprirá visitar pontes e muíños e, en Alba, a súa igrexa e cemiterio, outra impoñente mostra este último do estilo neogótico.

PLANO DA RUTA
Plano Ruta Camiño Norte


 Legal    Enlaces    Mapa da Web    Buscar   
 
 
 
 
© Concello de Vilalba.
A documentación facilitada nesta Web ofrécese a título informativo e non suple
a documentación oficial facilitada polos Órganos Administrativos do Concello de Vilalba.