|
|
|
 |
Feiras e Festas Populares do Concello de Vilalba
 Feira do Queixo de San Simón:Celébrase na primavera, o primeiro domingo de abril sempre que non coincida co día un, e xa ten un lugar propio dentro das feiras gastronómicas de Galicia. Nela podemos atopar non só os queixos que lle dan nome, senón tamén outros productos artesanais da comarca. É moi frecuente que se organice para a ocasión unha feira medieval amenizada con música popular e grupos de danza.
Feira do Capón: Ten lugar tódolos anos o día 21 de decembro. A partir das nove da mañá atópanse xa dispoñibles os capóns que poden ser adquiridos por compradores que se desprazan desde os máis diversos puntos da xeografía española.Véndense soltos ou por pares, e poden alcanzar unha cotización de ata 210 € pesetas o par. Este feito dá idea da excelente calidade deste produto que ten unha longa historia, pois temos referencias bibliográficas que nos falan da existencia de capóns na zona desde 1521. En moitas destas fontes afírmase que se usaban os capóns como "pagadores de rendas". Desde o ano 1838 aparece documentada a existencia da Feira dos Capóns, aínda que é a partir do ano 1965 cando se produce un incremento notable no censo de animais que se poñen á venda. Desde a antiga utilización como elemento orientado ó pagamento da renda pasa entón a ser o capón un producto máis comercial, orientado á obtención dun beneficio económico.
Feira da Pataca: Celébrase a finais de febreiro na parroquia vilalbesa de San Lourenzo de Árbol, no lugar de do Santo. Nestes últimos anos vense realizando unha feira de exaltación da pataca, debido a que Vilalba é un dos lugares que forma parte, xunto coa Limia e Coristanco, da denominación específica "Pataca de Galicia". É a nosa unha das mellores zonas en canto á calidade do produto por causa da non masificación da producción. A pataca de Vilalba é limpa de pel e ten un sabor excepcional, tanto frita como cocida.
FEIRAS MENSUAIS:
No primeiro domingo de mes (sempre que este non cadre no día 1) aproveitan as xentes do lugar para vender os seus productos artesanais (ovos, coellos, queixos, carne elaborada artesanalmente, etc.). Tamén hai feira de gando (porcos e ovellas especialmente) e de hortalizas (repolos, cebolas, etc.). É na primavera cando estas manifestacións gastronómico-culturais alcanzan o seu esplendor. Ademais, tamén se instalan no día da feira tendas ambulantes de roupa, calzado e froitas, que fan del unha reunión dos veciños do noso concello e tamén dos limítrofes. Para saciar os estómagos instálanse as polbeiras que contribúen a animar a feira..
O terceiro martes comprendido entre os días 17 e 22 celébrase o denominado "Feirón", de características similares á devandita feira dominical aínda que quizais definido por un maior sentido comercial e un menor aspecto lúdico e festivo.
FESTAS DO NÚCLEO URBANO DE VILALBA:
As festas patronais da vila celébranse a finais de agosto, o 31 San Ramón e o 1 de setembro Santa María. As celebracións duran mais dunha semana, a poboación aumenta considerablemente debido á afluencia de visitantes, da xente das parroquias do concello, e da multitude de emigrantes que voltan o mes de agosto e poñen así a finais do mes o colofón festivo ó asueto estival.
Orquestras, grupos de folk, rock, proxeccións cinematográficas, representacións teatrais, xogos e divertimentos para os máis pequenos son parte das actividades coas que nos podemos atopar. Non podemos esquecer a Xira Campestre, que reúne cada ano máis de 30.000 persoas no recinto privilexiado do rio Madalena para disfrutar do xantar, cea e actuacións durante dous días; e da Xira Campestre da Terceira Idade, que leva máis dunha década reunindo a maiores de toda Galicia e do norte de Castela e León.
O inicio das celebracións festeiras ven marcado pola proclamación do gañador do Certame Literario do Concello de Vilalba, que se leva celebrando durante xa moitos anos, e conta entre os seus gañadores autores como Fiz Vergara Vilariño, Manuel Xosé Neira, Marica Campo, Xabier Alcalá, etc.
FESTAS DAS PARROQUIAS:
En case todas as parroquias se celebran festas populares na honra dos seus patróns, e mesmo nalgunhas existe a tradición de festexar a santos diversos en varios momentos do ano. De seguido indícanse as advocacións e datas cronolóxicas aproximadas das festas:
- Belesar: San Martiño, ó redor do 11 de Novembro; e a fin de semana seguinte ten lugar unha exaltación de produtos derivados do porco e un magosto popular. Na mesma parroquia celébrase o Santo Anxo, na capela do mesmo nome, a última fin de semana de setembro.
- Boizán: Santo Antón, 30 de xaneiro; Santiago Apóstolo, 31 de xullo ou 7-8 de agosto
- Codesido: Santo Antón, 12 de xuño; Virxe dos Remedios, 11 de setembro
- Carballido: Virxe dos Remedios, 18-19 de setembro
- Corbelle: San Xosé, 19 de marzo e San Bertomeu, 21 e 22 de agosto
- Distriz: San Martiño, 5 de xuño
- Goiriz: Nosa Señora, 25 de marzo; Santa Comba, 8-9 de maio; Santo Adriano, 15 de maio; Santo Antón, 12 de xuño; Santiago Apóstolo, 24-25 de xullo
- Guadalupe: Nosa Señora de Guadalupe, 10-12 de setembro
- Lanzós: San Xosé, 20 de marzo; Santo Andrés, 5 de xuño; Virxe do Carme, 17-18 de xullo; San Martiño, 13 e 14 de novembro
- Ladra: San Salvador, 18 e 19 de setembro; Virxe dos Remedios, 9-10 de outubro
- Mourence: San Xián, 28 e 29 de maio
- Insua: San Bertomeu, 21 e 22 de agosto; San Ramón, 28 de agosto
- Nete: San Bieito, 10 e 11 de abril; San Cosme, 25 e 26 de setembro
- Noche: Santo Antón, 12 de xuño e 20-21 de novembro
- Oleiros: Virxe do Carme, 16 de xullo; San Mamede, 21 e 22 de agosto
- Román: San Xoán, 15-16 de maio e 19-20 de xuño
- Santaballa: O Atrio celebra o San Pedro o 26 e 27 de xuño; Bordelle celebra o apóstolo Santiago o 25 de xullo; toda a parroquia festexa ademais a Pascua o 3 e 4 de abril
- San Xoán de Alba: San Xoán, 19-20 de xuño; Santo Anxo, 24 e 25 de setembro
- San Lourenzo de Árbol: Santo Estevo, 5-6 de xuño; San Lourenzo, 7-8 de agosto
- Samarugo: San Xián, 1 de maio; Santiago Apóstolo, unha semana despois do 25 de xullo
- Sancovade: Santo Antón, 16 de xaneiro; Santiago Apóstolo, 25 de xullo
- San Simón da Costa: Santo Isidro, 15 de maio; Nosa Señora, 14 e 15 de agosto
- San Xurxo de Rioaveso: San Xurxo, 24-25 de abril
- Soaxe: Os Milagres, 22 de maio; Nosa Señora, 18-19 de setembro
- Tardade: Nosa Señora da Concepción, 15-16 de maio e 5 de decembro
- Torre: Santo Isidro, 15 de maio; Nosa Señora, 14-15 de agosto
- Vilapedre: Os Milagres, 22-23 de maio; Santo Estevo, 10 de outubro
- Xoibán: San Salvador, 5-6 de novembro
|
|
|
|